PONTEVEDRA> Ultimátum dos sindicatos de sanitarios á xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Cinco plataformas reclamaron hoxe aos responsables que senten a negociar para tomar medidas que rematen cunha situación que cualificaron como caótica. Esixen o cese inmediato da dirección. Tamén anuncian que nun prazo dunha semana comezarán as mobilizacións, chegando incluso a unha convocatoria de folga.
Cinco sindicatos da Xunta de Persoal da área sanitaria Pontevedra e O Salnés, plántanse. Alertan do caos que se viven en centros de saúde e hospitais.
Poñen varias demandas sobre a mesa. Entre elas, o cese de todo o equipo directivo e unha negociación co presidente da Xunta para elaborar un plan de choque que poña fin á situación actual.
Denuncian falta de médicos nos centros de saúde que acaba sobrecargando as Urxencias. E nestes servizos chegaron a contar ata 45 pacientes nos corredores agardando por cama de ingreso durante máis de 72 horas. Tamén reclaman que se denuncie o contrato de ambulancias, cunha nova convocatoria de concurso público.
Ante esta situación, dan á Xunta un prazo dunha semana para comezar coas mobilizacións. Non desbotan incluso chegar á folga ou recorrer a Fiscalía, Valedora do Pobo ou Inspección de Traballo.
Tamén consideran que as medidas que se plantexaron onte na mesa sectorial reprimen os dereitos dos traballadores, contemplando cuestións como o desprazamentos dos profesionais a calquera punto da área sanitaria ou permitindo revocar vacacións concedidas.