As escavacións en Santa Clara localizan máis de 8.000 pezas que botan luz sobre a vida no convento

PONTEVEDRA> Os traballos arqueolóxicos en Santa Clara descobren unhas 8.000 pezas que botan luz sobre o que foi a vida no convento. O equipo multidisciplinar actuou en 780 metros cadrados. As diferentes intervencións permitiron tamén identificar distintas fases construtivas do convento dende o inicio da súa construción a finais do século XIII. A pesares dos avances, os expertos aseguran que aínda queda moito por investigar.

A Deputación de Pontevedra dá por rematado o groso das escavacións arqueolóxicas no convento de Santa Clara. Dende o mes de maio, un equipo multidisciplinar traballou para botar luz sobre os seus 750 anos de historia.

Os expertos escavaron en 780 metros cadrados e localizaron máis de 8.000 pezas. Cerámicas, moedas e incluso un anel de ouro, que dan información sobre a vida no convento.

As intervencións permitiron tamén identificar as distintas fases construtivas do convento dende a súa construción a finais do século XIII. O conxunto sufriu importantes modificacións nos séculos XV e XVI. Ademais, no XVIII construíuse o edificio no que hoxe en días están a maioría das celas.

Agora os expertos traballarán para compoñer a historia do recinto. Tamén se estudará como abordar a restauración e o papel que ten que xogar Santa Clara como edificio do Museo.

Entre outros dos achados, destaca a documentación de corenta soterramentos dos que tan só se escavaron trece. Os restos someteranse agora a diferentes análises para obter máis información sobre os costumes dos moradores de Santa Clara.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí