Barbanza súmase tamén masivamente á reivindicación feminina

BARBANZA> Durante toda a xornada de hoxe venres sucedéronse numerosos actos e concentracións no marco da xornada do Día Internacional da Muller. Unha das convocatorias máis multitudinarias tiña lugar na praza do Concello en Rianxo, convocada pola CIG.

A xornada de hoxe viviuse no Barbanza con paros parciais e folga xeral en boa parte das empresas, con maior repercusión naquelas con maior número de traballadores, especialmente do sector conserveiro. Foi, en liñas xerais, unha xornada sen incidentes e cun seguimento amplo, en palabras do sindicato CIG.

Foi precisamente o sindicato intersindical galego o convocante dunha concentración na praza do Concello de Rianxo, á que se sumaron tamén outros colectivos feministas da comarca.

No acto deuse lectura participada a un manifesto no que se reivindicaba a igualdade plena de oportunidades entre homes e mulleres en tódolos ámbitos, dende o social ó laboral, pasando tamén polo familiar.

Ademais de Rianxo foron numerosos os actos organizados no resto de concellos da comarca en favor da igualdade de xénero. En Boiro, o alcalde, Xoán Xosé Dieste, de forma adiantada, na xornada de onte xoves, participou nun acto organizado polo Centro de Información á Mulller e que se celebrou na lonxa de Cabo de Cruz. O rexedor foi o encargado de dar lectura a un manifesto en defensa dos dereitos das mulleres.

En Ribeira a casa consistorial acollía tamén esta tarde un acto institucional no que se homenaxeaba ás mulleres do mar, mentres que en Porto do Son tiña lugar outro no que destacaron a figura das mestras.

Na Pobra do Caramiñal e Noia organizáronse tamén concentracións coa participación de diferentes colectivos feministas; e en Lousame, ademais de darse lectura a un manifesto a prol da igualdade, fíxose entrega tamén dos premios do concurso fotográfico organizado sobre o reparto de tarefas.