O pleno dá luz verde á compra da nave de Cerqueira

RIBEIRA> Xa é oficial. A nave da fábrica de Cerqueira pasará a ser propiedade do concello de Ribeira despois de que o pleno dera luz verde ó acordo para a operación de compra do inmoble por medio millón de euros.

Tódolos grupos da corporación votaron a favor do expediente de compra da nave de Cerqueira que conta xa con tódolos informes favorables. A adquisición do inmoble farase con cargo ó Plan de Sostibilidade Turística en Destino por valor de medio millón de euros.

A pesar de que a proposta saíu adiante por unanimidade non estivo exenta de debate. Os membros do anterior executivo defenderon as xestións realizadas durante o seu goberno para materializar a compra da nave.

Pola contra, PP e PBBI acusáronos de non ter axilizado os trámites e tratar de vender fume antes da súa saída.

Durante a sesión plenaria saíron adiante outras iniciativas como a revisión de prezos do contrato con Viaqua ou a aprobación inicial do regulamento de funcionamento da biblioteca municipal.