RIBEIRA> A ausencia do BNG da reunión a catro convocada polo Partido Barbanza Independente aborta calquera de cambio de goberno en Ribeira. Aínda así o líder do PBBI, Vicente Mariño, sinalou que intentará ata o último minuto esta posibilidade, culpando ós nacionalistas de ser eles os que propicien a continuidade de Manuel Ruíz á fronte da alcaldía.
No seu empeño de esgotar as últimas oportunidades para apartar ó Partido Popular de Manuel Ruíz da alcaldía, o Partido Barbanza Independente convocou a unha reunión ó resto de grupos na oposición: BNG, Partido Socialista e Suma Ribeira. Pero só estas dúas últimas formacións acudiron á cita. O candidato do PBBI, Vicente Mariño, responsabilizou ós nacionalistas de ser eles os que manteñan ao PP na alcaldía.
Dende o Partido Socialista, o seu número dous, José Manuel Suárez-Puerta, referiuse tamén a que a ausencia do BNG da reunión facía imposible calquera posibilidade de cambio, xa que, segundo el, os números non dan.
A outra das formación presentes, Suma Ribeira, sinalou que acudía á xuntanza sen condicións nin compromisos previos, co fin de escoitar a tódalas partes.