Floristas de toda Galicia aprenden en Boiro as últimas técnicas en decoración de Nadal

BOIRO> Unha quincena de profesionais da floristería participaron no curso de arte floral de Nadal desenvolvido en Boiro. contaron cun mestre de excepción: o florista valenciano Kike León.

Preparar unha mesa de Nadal ou decorar un escaparate para estas datas. Dende estes traballos tan laboriosos ata a elaboración de guirnaldas, apliques ou centros navideños, algo máis asequibles para os afeccionados. Todo isto tiveron ocasión de aprender os participantes no obradoiro de arte floral organizado pola Asociación de Floristas do Barbanza e o concello de Boiro. 

Non é a primeira vez que a entidade organiza este tipo de cursos nos que ademais de aprender novas técnicas, floristas de toda Galicia poden intercambiar experiencias. E é que nos últimos anos estase a notar un incremento da demanda de decoración de Nadal con flor natural. Un novo nicho de mercado no que a profesionalización do sector é clave para triunfar.

Os traballos realizados no marco deste obradoiro permanecerán expostos no espazo de usos múltiples do mercado de Boiro ata o domingo.