A Garda Civil desmantela un punto de venda de droga na Pobra

A POBRA> A Garda Civil desmantela un punto de vende de drogas na Pobra do Caramiñal. Na operación, denominada ‘Chatiños’, foron detidos catro mozos, dous deles veciños da Pobra, un de Ribeira e outro de Boiro.

As investigacións realizadas pola Garda Civil iniciáronse xa o pasado mes de marzo, a raíz das sospeitas da existencia dun grupo de mozos que se dedicaban á distribución e venda de substancias estupefacientes na comarca do Barbanza, centrando a súa actividade na vila da Pobra, principalmente a mozos de curta idade.

O traballo realizado polos axentes permitiu a identificación plena de tódolos integrantes deste grupo. Trátase de  catro mozos, dous deles veciños da Pobra, un de Ribeira e outro de Boiro.

Os axentes recolleron ademais evidencias da realización desta actividade ilícita no domicilio dun deles na vila pobrense. No posterior rexistro da vivenda a Garda Civil atopou varios envoltorios plásticos con aproximadamente 100 gramos de haxix, e un bote de marihuana, cun peso de 5,74 gramos.

Tamén foron intervidos una báscula de precisión, diversos útiles para a manipulación da droga, cinco teléfonos móbiles e un dispositivo de memoria externa. Todos eles están acusados como presuntos autores dun delito contra a saúde pública. Os catro foron postos a disposición do xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 3 de Ribeira, que decretou a súa posta en liberdade con cargos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí