A Xunta inclúe ó Barbanza e Muros-Noia na 3ª fase do Plan de Sendas

BARBANZA> A Xunta de Galicia adxudicou un plan de sendas peonís na comarca do Barbanza. Trátase da terceira fase do Plan de Sendas de Galicia impulsado pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Desenvolverase nos concellos de Lousame, Noia, Outes, Porto do Son, Boiro, A Pobra, Rianxo e Ribeira.

O contrato para a redacción do plan de sendas no Barbanza suporá un investimento de dezaoito mil euros financiados pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Os traballos, a desenvolver pola empresa ‘L2 ingeniería y Consulting Galicia S.C.P’, consistirán en identificar os treitos de sendas prioritarios na marxes das estradas autonómicas que discorren polos catro concellos do Barbanza así como Lousame, Noia, Outes e Porto do Son.

Para o impulso destes itinerarios destinados a peóns e ciclistas valoraranse criterios como a localización das estradas con respecto ós núcleos de poboación ou servizos e equipamentos así como as características particulares das vías, a integración ambiental ou a mobilidade alternativa.

Trala identificación de posibles sendas avaliarase a posibilidade de executar cada treito e mesmo a inclusión de  sendas en concellos limítrofes para dar continuidade ós itinerarios. Con estas actuacións, a Xunta acometerá xa a terceira fase do Plan de Sendas acometido en varias bisbarras de toda Galicia co obxectivo de incrementar a seguridade nas estradas e promover unha mobilidade máis sustentable.