RIANXO> A xerente de Solo Empresarial do Atlántico, Beatriz Sestayo, asinaba esta mañá en Rianxo a venda dunha nova parcela no polígono industrial de Té. Os terreos, adquiridos pola empresa Proafer, permitiranlle á firma poder ampliar as súas actuais instalacións no dito parque empresarial.
O polígono rianxeiro de Té continúa coa súa expansión, a través do asentamento de novas empresas. Unha das últimas en sumarse a este proceso coa construción dunha nave foi a firma Proafer, dedicada á comercialización de marisco. Esta mañá Beatriz Sestayo, a xerente de Sea, a empresa pública que xestiona este parque empresarial, dependente do Ministerio de Fomento, visitaba as instalacións, despois de asinar cos seus propietarios a compra dunha nova parcela anexa á nave na que xa están asentados, de máis de mil metros cadrados de superficie e un valor duns 95 mil euros, que permitirá poder levar a cabo a súa ampliación.
Dende a firma, dedicada a actividades de cetárea, depuradora de mariscos e centro de expedición, destacaron a importancia da operación, xa que a adquisición dos novos terreos permitiralles poder afrontar unha próxima ampliación.
O parque empresarial de Rianxo, con menos de dez anos de existencia, conta na actualidade co 40% da súa superficie total vendida.