Valga renuncia á xestión do GES e haberá que buscarlle outra ubicación

VALGA> Valga renuncia á xestión do Grupo de Emerxencias Supramunicipal, máis coñecido como GES. O concello anunciou que a partires do 1 de xaneiro deixará de encargarse do servizo, polo que pide a Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Fegamp unha reunión urxente cos municipios afectados para buscar alternativas. Segundo José María Bello Maneiro, non se cumpriron as expectativas postas no GES, co que ademais o concello está a vivir continuos desencontros.

O Grupo de Emerxencias Supramunicipal que dá servizo aos concellos da comarca de Ulla-Umia terá que abandonar o concello de Valga. O goberno local xa comunicou a Xunta, Deputación e Fegamp a súa renuncia á xestión do servizo.

Para o alcalde non se cumpriron as expectativas postas no servizo. E é que dende hai meses o concello arrastra continuos desencontros cos traballadores do GES, que denuncian unha situación precaria e incluso recorreron aos tribunais.

Ademais de a Valga, o grupo de emerxencias dá servizo a Pontecesures, Catoira, Caldas e Portas. Bello Maneiro xa solicitou ás administracións implicadas a convocatoria da comisión de coordinación dos GES para definir a nova ubicación.

Dende o concello informan ademais de que os días 21 e 25 de decembro, ambos incluídos, non haberá servizo de emerxencias na quenda de tarde, de 2 da tarde a 10 da noite, debido á falta de persoal. Ante calquera incidencia, deberán chamar ao 112.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí