O SERGAS presentará un plan para atender as necesidades de persoal en centros de saúde como o de Ribeira

RIBEIRA> A situación do centro de saúde de Ribeira foi tema de debate no Parlamento Galego. O Conselleiro de Sanidade comprometeuse a presentar antes de fin de ano un pla de reordenación de atención primaria para reforzar a cobertura en varios centros de saúde.

O BNG levaba esta semana ó Parlamento a falla de médicos do centro de saúde de Ribeira esixindo á Consellería a cubrir tódalas prazas de xeito estable, evitando así que máis de tres mil pacientes non conten cun facultativo asignado.

Na súa resposta, o Conselleiro de Sanidade informou de que o seu departamento está a ultimar unha reordenación dos recursos humanos de atención primaria que permitirá reforzar a cobertura en centros de saúde como o de Ribeira. A intención do SERGAS é presentar o documento coas medidas para facer fronte ás necesidades de persoal en atención primaria antes de fin de ano.