CAMBADOS> Cambados planifica o seu crecemento para os vindeiros anos. O goberno local proxecta un plan de desenvolvemento urbanístico para diferentes áreas do municipio; todas elas habitadas pero con necesidade de máis solo urbanizable, zonas verdes e novos viais. Este proxecto suporía un incremento de 94 mil metros carados de solo edificable.
O concello de Cambados está decidido a pór solución á falta de solo urbanizable no municipio. O goberno vén de planificar o crecemento urbanístico para os vindeiros anos, con plans que suporán un incremento de 94 mil metros de solo edificable, 33 mil metros de zonas verdes e 1.200 novas prazas de aparcadoiro, ademais da apertura de novos viais.
Quérese dar resposta ás necesidades de planificación urbanística que xorden polo propio crecemento da vila. Traballan con tres unidades de xestión: a contorna da avenida A Pastora e a rúa Pacheca, o entorno do colexio San Tomé, Os Olmos e Instituto Asorey, e a avenida do Salnés coa zona do bosque de Fefiñáns. Esta é a de maior superficie, con máis de 22.500 metros cadrados.
Estas tres áreas son zonas de solo urbano non consolidado. Xa contan cunha ordenación pendente de desenvolver, polo que os trámites serán áxiles. De feito, o concello cre que no prazo dun ano poderían comezar as actuacións. De xeito paralelo, traballarase noutras dúas áreas de transición entre solo rústico e urbano: O Cruceiro e o entorno do colexio Magariños e A Pastora.
Todo farase coa cooperación dos veciños. O concello xa mantivo a primeira reunión cos habitantes das unidades de xestión, e está previsto un novo encontro para trasladarlles estas planificacións. Precisamente pola oposición veciñal queda desbotado o desenvolvemento dunha terceira unidade, a do barrio de San Tomé.