Concentración da CIG en Vilagarcía para denunciar o incremento das listas de agarda

VILAGARCÍA> Xubilados e pensionistas da CIG concentráronse este mércores ante o centro de saúde de Vilagarcía en defensa da sanidade pública. Denuncian o incremento das listas de espera, en especial na atención primaria. Denuncian que un doente non pode agardar mais de 15 días para unha simple consulta. O colectivo mantén en marcha un calendario de mobilizacións e tamén unha recollida de sinaturas.

Nova concentración en defensa da sanidade pública. Desta volta convocada polo colectivo de xubilados e pensionistas da CIG. Este mércores levaron as súas reivindicacións ás portas do centro de saúde de San Roque, en Vilagarcía.

Poñen o foco na complicada situación que, denuncian, se está a vivir na atención primaria en ambulatorios como este.

Denuncian que na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés hai varios puntos críticos. Destacan Vilagarcía ou Cambados e mesmo nos  ambulatorios da capital da provincia.

Hai tres meses que os xubilados e pensionistas da CIG puxeron en marcha esta campaña en defensa da sanidade pública. Unhas mobilizacións que van continuar ao longo do vindeiro mes. Ao mesmo tempo manteñen activa unha recollida de sinaturas entre os doentes.