Os accidentes con feridos nas estradas da provincia descenderon nun 27% durante o 2020

PONTEVEDRA> 24 persoas perderon a vida no 2020 nas estradas da provincia. Así o anunciou esta mañá a Subdelegada do Goberno en Pontevedra. Maica Larriba presentou hoxe o balance anual de tráfico e unha das primeiras conclusións é que os accidentes con algún tipo de ferido descenderon nun 27% durante o pasado ano.

A mobilidade nas estradas da provincia reduciuse drasticamente durante o 2020. Un feito derivado da pandemia. De feito, entre marzo e abril este dato descendeu entre un 45 e un 56% con respecto ao ano anterior. Así e todo, a cifra de falecementos mantívose estable. En total, 24 persoas perderon a vida na carreteira durante o 2020, a mesma cifra que no 2019.

O que si que se reduciu no 2020 foron os accidentes con algún tipo de ferido. En total, o descenso foi do 27%.

Os meses de verán foron sen dúbida os que peores datos rexistraron.

A Subdelegada do Goberno quixo facer fincapé hoxe no número de accidentes que se produciron debido á presenza de animais nas vías públicas. En total, case 600 sucesos que deixaron 18 vítimas, unha delas mortal.

Do total de falecidos, o 38% eran usuarios vulnerables: 1 ciclista, 6 motoristas e 2 peóns. Ademais, o maior número de falecementos rexistrouse no grupo de idade comprendido entre os 35 e 44 anos e o 66% dos casos eran homes. En canto ao 2021, no que vai de ano non se rexistrou ningún accidente con vítima mortal.