BNG e PSOE dispostos a negociar para manter o goberno bipartito en Pontevedra

PONTEVEDRA> En Pontevedra, esta mañá o BNG e o PSOE tiveron a súa primeira toma de contacto despois das eleccións municipais do domingo. Foi na xunta de goberno local, onde están as dúas formacións representadas como socias de goberno. Os seus líderes, Miguel Anxo Fernández Lores e Iván Puentes, coincidiron en sinalar que agora se abre un proceso de negociación de cara á constitución da corporación do 17 de xuño.

A xunta de goberno local de Pontevedra reuniu por primeira vez a BNG e PSOE despois das eleccións municipais do domingo. Os actualmente socios están chamados a volver sentar para negociar un pacto que manteña un goberno bipartito, co nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores á fronte.

Se cumpre este obxectivo, Fernández Lores asegurou que intentará ser máis dialogante e transmitir con máis claridade os seus proxectos á veciñanza.

Co Partido Popular como primeira forza, para manter o goberno nacionalistas e socialistas terán que chegar a un acordo antes do 17 de xuño, cando se celebre o pleno de investidura.

Na necesidade de negociar volveu insistir tamén o líder do Partido Socialista. Iván Puentes recorda, iso si, que existe un novo equilibrio entre ambas formacións.

Para Puentes toca agora ao BNG mover ficha para establecer un calendario para estas negociacións que aínda non teñen data.

Despois das declaracións do líder do Partido Popular falando da mala relación entre Puentes e Fernández Lores, o socialista asegura que o trato entre ambos é cordial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí