A Deputación transferirá o Pazo de Lourizán e a Escola de Canteiría á Xunta

PONTEVEDRA> Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia achegan posturas para a transferencia do Pazo de Lourizán e da Escola de Canteiría. Ambos centros son agora de titularidade provincial, pero segundo o protocolo de intencións asinado esta mañá o obxectivo é que no menor tempo posible pasen a ser responsabilidade da administración autonómica. Un acordo que ambas partes cualificaron como histórico.

Coa sinatura dun protocolo de intencións, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia fixeron público o seu obxectivo de transferir o Pazo de Lourizán e a Escola de Canteiría. Actualmente son de titularidade provincial e pasarían a depender da administración autonómica.

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, e o Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, foron os impulsores destas conversas. Agora, trala sinatura do protocolo, ambas administracións estudarán os instrumentos xurídicos para facer a cesión.

No referente á Finca de Lourizán, dende a Xunta destacan o seu alto valor histórico e natural. Hoxe adiantaron que dende a Consellería do Medio Rural xa se estudan os posibles usos.

En canto á Escola de Canteiría, o obxectivo do traspaso é impulsar a Formación Profesional. Non en van, unha reclamación histórica do centro é converter os estudos que imparten en ensino regrado.

Tanto Silva como Calvo non quixeron pronunciarse sobre se este paso pode abrir a porta a novas transferencias no futuro, como podería ser o caso do Príncipe Felipe ou da Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí