Dores Torrado sae ó paso das críticas do PP polo retraso nas axudas deportivas

BOIRO> A concelleira de Deportes de Boiro saíu ó paso das acusacións formuladas polo PP ante o impago das subvencións a entidades deportivas. Dores Torrado aclarou que as axudas, que se incrementaron un 30 por cento, pagaranse nos mesmos prazos e condicións que durante o goberno dos populares.

A concelleira de Deportes de Boiro non tardou en responder ás declaracións realizadas a pasada semana polo voceiro do PP ó respecto da demora no pago das subvencións a entidades deportivas. Dores Torrado botou man do histórico do concello para deixar claro que as subvencións deste ano vanse aboar nos mesmos prazos e coas mesmas condicións que durante o goberno do Partido Popular, do que Fernando García Diéguez formaba parte.

Torrado defende a xestión en materia deportiva do actual goberno non só por ter incrementado a contía das subvencións senón polos numerosos investimentos en equipamentos e instalacións para os clubs.

Ante estes números, dende as filas de Boiro Novo critican ós populares por facer política cos clubs con fins partidistas, mentres por outra banda se dedican a torpedear proxectos que suporían importantes melloras deportivas como o circuíto de pump truck solicitado polo Club Ciclista Barbanza ou a ampliación do complexo deportivo da Cachada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí