RIANXO> A Mancomunidade Barbanza Arousa presentou o seu Plan de Promoción ás empresas do sector turístico. Na xornada abordáronse aspectos de relevancia para consolidar o destino como a necesaria colaboración entre administracións e empresas e aposta pola calidade dos servizos de cara á excelencia.
O rianxeiro Pazo do Martelo acollía a pasada tarde a presentación do Plan de Promoción da Mancomunidade Barbanza Arousa. A xornada comezou coa presentación dunha curtametraxe sobre o destino titulada ‘Sempre Queremos Volver’.
Trala proxección tivo lugar unha mesa redonda que contou con representantes das institucións e empresarios do sector. Analizaron, entre outros temas, a importancia da colaboración público-privada na promoción do destino e o interese de trasmitir sensacións para ofrecer unha experiencia turística inmersiva.
Pola súa banda, os empresarios resaltaron a importancia de participar en proxecto como o SICTED para garantir a calidade e avanzar cara a excelencia turística.
A xornada rematou cunha degustación gastronómica de produtos locais e de viños da IXP Barbanza e Iria.











