BOIRO> AMICOS lanza unha campaña de concienciación sobre o autismo en colaboración co tecido comercial, institucional e educativo de toda a comarca. Baixo o lema ‘Unha rede que inclúe’ a entidade busca visibilizar este trastorno.
A campaña desenvolvida por AMICOS con motivo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo articúlase sobre varios piares que pretenden implicar a toda a sociedade. Un deles, é o tecido comercial da comarca que colaborará, a través de varias asociacións empresariais, nunha iniciativa que promove á vez a sensibilización co TEA e o consumo no comercio local.
Os clientes que realicen as súas compras nos comercios adheridos poderán canxear os seus tickets por estas bolsas cunha ilustración realizada por Mencía, alumna do colexio Bayón de Ribeira.
Nesa liña, a campaña pretende seguir implicando ós centros educativos, con material didáctico para traballar nas aulas, así como ás institucións pedindo ós concellos que vistan de azul as instalacións públicas.
No marco desta campaña, AMICOS desenvolverá tamén o próximo 26 de marzo na sede do Parque Natural das Illas Atlánticas en Vigo o acto de presentación das adaptacións realizadas na Illa de Sálvora en materia de accesibilidade cognitiva coa instalación de pictogramas e sinalización visual.











