RIBEIRA> A Asociación de Empresarios de Ribeira celebrou o sorteo de Nadal. A patronal repartiu cinco mil euros en vales de compra para consumir no comercio local. A campaña foi todo un éxito con máis de 130 mil rifas entregadas.
Foron moitas as mans inocentes que repartiron sorte entre os clientes que este Nadal realizaron as súas compras no comercio local de Ribeira. Moitas porque así o requiría o gran número de rifas repartidas que ascenderon a 130 mil e supuxeron un volume de vendas dun millón trescentos mil euros.
Ó éxito da campaña contribuíu tamén a colaboración do concello de Ribeira que un ano máis lanzou os bonos Amaribeira para incentivar as compras no comercio de proximidade así como o reparto por parte da patronal de 10 mil tickets de parking gratuítos.
A lista de premiados xa se pode consultar na web da asociación de empresarios. En total, repartíronse cinco mil euros en premios distribuídos en vales de compra por diferentes importes.