NOIA> O cambio de goberno en Noia é inminente. O PSOE, co apoio do BNG, a Marea Cidadá e o edil non adscrito, Luís Alamancos, presentaba esta mañá unha moción de censura contra o alcalde, Santiago Freire. O pleno para arrebatarlle a alcaldía celebrarase o 11 de agosto.
Xa é oficial. Os rumores que cada vez soaban con máis forza confirmábanse esta mañá coa presentación dunha moción de censura asinada por PSOE, BNG, Marea e o edil non adscrito Luís Alamancos. Os motivos que alegan os nove concelleiros asinantes son a parálise institucional e o endebedamento das arcas públicas do que responsabilizan ó goberno conformado por PP e NOIA.
Fronte a esta situación, propoñen un cambio de rumbo encabezado polo socialista, Francisco Pérez, candidato de consenso que con toda probabilidade será investido novo alcalde de Noia o próximo 11 e agosto. Á espera de coñecer os detalles das negociacións co resto dos grupos, si transcendeu o acordo co BNG condicionado a doce cuestións claves para os nacionalistas, entre elas a redución do gasto político. Trataríase dun apoio puntual de investidura pero sen intención de entrar a formar parte do novo goberno.
Pola súa banda, o actual alcalde, Santiago Freire, declinou facer declaracións á espera dunha análise pormenorizada da situación. A presentación desta moción de censura foi posible tras unha sentenza do pasado 10 de xuño que bota por terra o pacto antitransfuguismo que limitaba a participación de Luís Alamancos que ata finais do pasado ano formaba parte do grupo popular.











