A segunda edición do Trail e da Andaina de San Finx celebrarase o 30 de decembro

LOUSAME> Dende a organización da proba agardan superar o número de participantes do ano pasado que se achegou ás cincocentas persoas.

O éxito da edición pasada foi unha das razóns que levou ó concello de Lousame a volver a apostar por esta proba, cada vez con maior número de seguidores. Será o próximo 30 de decembro. A actividade dividirase en dúas partes, unha andaina, de catorce quilómetros que arrancará ás dez da mañá e o Trail, con saída prevista para as once, que se dividirá este ano en dúas modalidades, unha curta de dezaseis e unha longa de 25 quilómetros.

Na proba conxugarase deporte, natureza, historia e patrimonio cultural. Un aspecto que resaltou o xerente de EME Sports, Ezequiel Mosquera, empresa encargada da cronometraxe da carreira.

A cita terá tamén un carácter solidario, xa que o recadado a través das inscricións da andaina irá a parar á Asociación Galega de Heteroplaxia Ósea Progresiva, ASGPOH.

Para máis información e inscricións os interesados poden consultar a páxina de emesports.es