PONTEVEDRA> O Mundial Multisport deixou unha pegada económica de máis de 21 millóns de euros na cidade de Pontevedra. Son datos aportados polo comité organizador do evento, que no mes de xuño achegou ata a capital a máis de 3.000 deportistas e máis de 7.000 visitantes. Deste xeito, o concello pecha este capítulo e mira xa cara o vindeiro: a Gran Final das Series Mundiais do ano que vén.
Máis de 21 millóns de euros. É a pegada económica que, segundo o comité organizador, deixou o Mundial de Multisport na cidade de Pontevedra. A cita trouxo ata a cidade a máis de 3.000 deportistas e máis de 7.000 visitantes. Cada unha destas persoas pasou 5,42 noites pernoctando na Boa Vila, e fixo un gasto medio diario de 245,27 euros.
O evento contou cun gasto total de 2 millóns 360 mil euros sobre uns ingresos de 2 millóns 410 mil, cifras que se valoran de xeito moi positivo. En canto ao impacto mediático, chegou a ter máis de 1.200 millóns de interaccións, o que se estima nun valor económico de case 4 millóns 300 mil euros.
Con estes datos, o concello pecha o capítulo do Mundial Multisport e mira xa cara a próxima cita: a Gran Final das Series Mundiais que a cidade acollerá no 2026. Hoxe xa quedou constituído o comité organizador, ao que o goberno local quere sumar tres novas administracións: Xunta, Deputación e concello de Sanxenxo.
A intención é convocar unha nova reunión do comité no vindeiro mes de setembro.











