RIANXO> A Deputación da Coruña e o concello de Rianxo avanzan no proxecto da nova residencia que se emprazará en Rianxiño. O presidente provincial e o alcalde mantiñan unha xuntanza de traballo cos técnicos de ambas administracións para analizar o estado de tramitación do proxecto que contará con preto de 60 prazas.
Rianxo será xunto con Ordes e As Pontes, un dos tres primeiros concellos da provincia en contar cunha Casa de Acompañamento ás Persoas Maiores. Trátase do novo modelo de residencia promovido pola Deputación da Coruña que busca crear fogares máis humanos, próximos e dignos.
Na xuntanza de traballo desenvolvida esta mañá no concello rianxeiro, analizáronse as novidades na tramitación do futuro servizo que se emprazará nunha parcela municipal de oito mil metros cadrados en Rianxiño. Organizarase en catro unidades convivenciais con capacidade para 59 usuarios. Contarán con cociña salón e espazos comúns, reproducindo o ambiente dun fogar. Este proxecto pioneiro apostará tamén pola accesibilidade e integración na contorna con xardíns, horta, zonas de convivencia e espazos abertos para a relación coas familias e coa comunidade.
O presidente provincial destacou ademais a necesidade de apostar por estes servizos ante a demanda de prazas nunha das rexións máis avellentadas de Europa con máis de 4000 mil galegos en lista de agarda para acceder a unha residencia.











