RIBEIRA> O Plan Integrado de Emprego de Ribeira chegou á súa fin co acto de clausura celebrado esta mañá no auditorio municipal. O programa, no que participaron un cento de persoas desempregadas dos concellos do Barbanza e Porto do Son, pechou cun índice de inserción laboral próximo ó 50 por cento.
Nesta segunda edición do Plan Integrado de Emprego de Ribeira participaron un cento de persoas desempregadas non só da comarca do Barbanza senón tamén do concello de Porto do Son. Ó longo de 12 meses adquiriron coñecementos para a busca activa de emprego e recibiron formación específica nas áreas de comercio, coidados e cociña, restauración e limpeza.
Polo momento, preto do 50 por cento dos participantes lograron acceder ó mercado laboral trala participación neste plan e, dende o concello, agardan que a porcentaxe medre nos próximos meses.
O PIE conta co financiamento da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Servizo de Emprego Estatal.











