RIBEIRA> O concelleiro de Turismo, Francisco Suárez-Puerta, visitou esta mañá as instalacións do Centro de Interpretación de San Roque, emprazado no parque periurbano, onde se levaron a cabo nos últimos meses diversas obras de acondicionamento, cun investimento total que ascendeu a preto dos 150 mil euros, sufragados en boa parte con cargo a fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno Central.
As actuacións consistiron basicamente na mellora da accesibilidade do edificio coa dotación dun pequeno ascensor, a instalación de nova sinalética e da ampliación de contidos a través dun asistente virtual para as visitas guiadas.
Tamén se actuou de cara a eliminación de humidades coa instalación da envolvente térmica e a mellora da cuberta.
Con este proxecto, que tamén incluíu a instalación dun novo sistema de iluminación en todo o parque, o Concello busca a renovación completa do espazo, un dos principais recursos naturais e turísticos do municipio, e facer del, unha zona de lecer accesible e atractiva para a veciñanza e para as persoas que visitan Ribeira ó longo de todo o ano.











