Chega a Rianxo unha nova edición do Festival Titiriberia

RIANXO> Esta mañá presentábase en Rianxo a novena edición do Festival Titiriberia, un certame xa habitual na programación de verán da vila.

Organizado pola asociación Morreu o Demo, o festival de títeres tradicionais celebrarase dende o 12 ó 18 de agosto, incluíndo unhas trinta funcións a cargo dun total de vinte compañías, non só galegas, senón tamén de todo o ámbito nacional e internacional.

Ademais das sesións de monicreques, o certame incluirá tamén obradoiros, mesas redondas e proxeccións. A novidade este ano virá da República Checa coa presenza de dous autores de renome no mundo dos títeres do país centroeuropeo.

Ademais do Concello, colaboran tamén co Festival a Xunta de Galicia, a través do AGADIC, e a Deputación da Coruña.

Para mais información sobre toda a programación e os espectáculos incluídos no Festival os interesados poderán consultar a web: www.titiriberia.com, ou a través das propias redes sociais do Concello.