Recoñecemento público á Policía Local da Pobra pola súa decisiva intervención na operación Saona

A POBRA> A Policía Local da Pobra recibía este mediodía un merecido recoñecemento polo seu labor na operación Saona contra o narcotráfico. A súa intervención foi decisiva para interceptar o alixo de 3’6 toneladas de cocaína así como na detención dos tres tripulantes do narcosubmarino que transportou a droga.

O subdelegado do goberno na provincia da Coruña presidiu esta mañá o acto de recoñecemento brindado polo concello da Pobra á súa policía local. A intervención do corpo municipal, nomeadamente dos axentes Marcos Rodríguez, Marcos Mosteiro e Benito Porto, foi crucial na operación Saona que permitiu desartellar unha rede criminal de narcotráfico a escala internacional.

O recoñecemento a estes tres axentes fíxose extensivo ó resto do corpo policial así como ás outras forzas de seguridade que colaboraron no operativo como Policía Nacional, Garda Civil e Protección Civil da Pobra.

Os axentes homenaxeados recibiron unha placa conmemorativa en lembranza do seu compromiso, implicación e exemplaridade.