O BNG da Pobra aberto a darlle a alcaldía a Eloy Sobrido

A POBRA> Na Pobra as negociacións de cara a formación do novo goberno dan un novo xiro. A través dun comunicado que vén de facerse público o BNG móstrase partidario de aceptar a proposta de Veciños Independentes da Pobra, e que sexa o candidato desta última formación, Eloy Sobrido, o novo alcalde.

O acordo tomado na última asemblea local dos nacionalistas vén motivado por un claro obxectivo, non darlle a alcaldía o Partido Popular, despois de que tampouco prosperase a súa proposta de que a súa cabeza de lista, Amparo Cerecedo,  fora investida coma alcaldesa.

Dende o BNG entenden que a análise dos resultados das pasadas eleccións deixa unha mensaxe clara, que non é outra que a maioría dos veciños queren un cambio no goberno municipal. Para os nacionalistas existen aínda fórmulas que poden satisfacer ás distintas posicións, e que, con vontade de todos, é posible construír un goberno a catro.

Pero para que esta teoría se dea sería necesario afastar tamén ó actual alcalde de Nós Pobra, Xosé Lois Piñeiro, da cadeira da alcaldía. Unha das liñas vermellas impostas tamén por VIP para chegar a acordo.