A POBRA> Preocupación na Pobra ante a aparición de novos vertidos na zona da Ribeiriña. Aínda que o concello non ten as competencias en materia de litoral, dirixirase á Xunta e á Demarcación de Costas para coñecer o resultado das prospeccións realizadas na zona e as actuacións previstas para acabar coas filtracións.
Hai preto dun ano aparecían os primeiros vertidos no litoral pobrense da Ribeiriña, procedentes dos depósitos de hidrocarburos soterrados antiga fábrica de La Onza de Oro. Daquela, a Demarcación de Costas do Estado, administración responsable das obras de rexeneración da zona, realizou unha serie de prospeccións para determinar a orixe exacta e alcance dos vertidos. A día de hoxe, o concello da Pobra non coñece aínda as conclusións deses estudos polo que requirirá a Costas a presentación do informe e se está previsto acometer algunha actuación.
O vertido rexistrado a semana pasada non é puntual senón que son frecuentes as filtracións aínda que de pouca entidade. Ó concello preocúpanlle as posibles afectacións medioambientais polo que contactará tamén co Servizo do Litoral da Consellería de Medio Ambiente, quen ostenta agora as competencias da costa galega, e tamén co Intecmar para coñecer o estado dos bancos marisqueiros próximos.
Dende o concello da Pobra lembran que non teñen competencias neste ámbito polo que, a pesar da preocupación, tan só pode limitarse a instar ás administracións competentes a buscar solucións.











