A Pobra pechou, cunha ofrenda floral, as xornadas de homenaxe a Valle-Inclán

POBRA> O acto estivo presidido polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

A chuvia deu esta mañá unha pequena tregua, o que permitiu desenvolver con normalidade a tradicional ofrenda floral ante a escultura do escritor Ramón María del Valle-Inclán, na praza do Cantón da Leña.

O acto, que contou coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o propio neto do autor do esperpento, Xaquín del Valle-Inclán Alsina, poñía o broche de ouro ás actividades organizadas ó longo de todo este mes de outubro polo Museo e o propio Concello para homenaxear a súa figura.

Despois das intervencións, e baixo os acordes do himno de Galicia, interpretado polo grupos de gaitas Os Caraveiros, realizouse a ofrenda floral ante a escultura.

Posteriormente as autoridades presentes trasladáronse ó interior do museo para visitar a exposición conmemorativa Ramón del Valle-Inclán. Convidado especial da República de México, do propio arquivo familiar de Xaquín del Valle-Inclán Alsina.

As xornadas chegarán mañá sábado ó seu remate coa actuación de Teatro En Punto que, nas inmediacións do adro do Castelo, ás oito da noite, presentará o espectáculo Palabras en Pedra, baseado en fragmentos das obras Mi hermana Antonia, El marqués de Bradomín e La lámpara maravillosa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí