RIBEIRA> A alcaldesa de Ribeira convocará a próxima semana a xunta local de seguridade para abordar o incremento de roubos no municipio. Tamén mantivo encontros coas asociacións de hostaleiros e empresarios para analizar as medidas que están a adoptar en colaboración cos corpos policiais.
Unha sucesión de roubos en establecementos comerciais, vehículos e mesmo atracos mantén en vilo durante os últimos meses á veciñanza de Ribeira. Dende o concello están a traballar en coordinación coas forzas de seguridade para implementar novas medidas de cara a unha maior seguridade cidadá. Traballos que xa están a dar os seus froitos posto que esta mesma semana producíase a detención de dúas persoas como presuntos autores dunha ducia destes delitos.
Dende a alcaldía xa mantiveron xuntanzas coas asociacións de hostaleiros e empresarios para transmitirlle as xestións que están a realizar. Seguirán a demandar, así mesmo, o incremento do catálogo de axentes da comisaría de Ribeira para atender as necesidades de toda a poboación e reducir os índices de delincuencia no municipio.











