Santoña e Toledo estreitan lazos con Boiro no marco dun intercambio escolar co CEIP Abanqueiro como anfitrión

BOIRO> Preto dun cento de nenos conviven estes días no colexio de Abanqueiro no marco dun proxecto de intercambio escolar con dous centros de Toledo e Santoña. O obxectivo desta experiencia é fomentar un modelo de escola inclusiva poñendo en valor as tradicións propias de cada rexión.

Alumnos do colexio Macías Picavea de Santoña e do CRA Rio Tajo da localidade toledana de Alcolea de Tajo conviven estes días en Boiro con escolares do colexio de Abanqueiro no marco dun proxecto de agrupamento de centros educativos promovido pomo Ministerio de Educación. Púxose en marcha este curso entre os tres centros participantes e tras un primeiro encontro en Toledo tocoulle agora a quenda a Boiro.

Os escolares tiveron ocasión de disfrutar dun amplo programa de actividades ó longo de toda a semana. Dende visitas culturais que mesmo incluíron un treito do camiño de Santiago ata actividades deportivas e de lecer que contribuíron a facer aínda máis enriquecedora a experiencia.

Tras compartir estes días, nas que conviviron as 24 horas acampando todos xuntos no centro escolar, hoxe tocou despedirse. Xa coa equipaxe lista, tiveron aínda tempo de participar en varios obradoiros durante toda a mañá e disfrutar dunha comida conxunta na que os pais dos nenos boirense elaboraron produtos típicos da gastronomía galega.

Sen embargo, a despedida de hoxe non é un adeus senón un ata pronto posto que volverán verse no último dos encontros proxectados que terá lugar a finais do próximo curso en Santoña poderán entón seguir forxando os fortes lazos de amizade xurdidos grazas a esta experiencia que, de seguro, perdurarán de por vida.