O BNG volve denunciar o desmantelamento da sanidade pública nas comarcas de Muros e Noia

NOIA> O BNG volve a poñer o foco nas eivas da sanidade pública, neste caso referidas á comarca de Muros-Noia.

Segundo os nacionalistas non existe ningún centro de saúde nesta comarca que teña cuberto ó 100% o seu persoal médico, unhas carencias que aumentan día si e tamén, o que provoca un recorte de servizos e a saturación dos centros.

Os nacionalistas insisten tamén na necesidade de dotar á comarca dunha ambulancia medicalizada, unha vella reivindicación dos concellos da zona.

O BNG quéixase tamén do estado de deterioro no que se atopan as instalacións dos centros de saúde de Porto do Son e Noia, preguntándose que hai dos proxectos de construción  dos novos ambulatorios, tantas veces anunciados dende a Xunta.

Por todas estas cuestións animan á veciñanza a participar este vindeiro domingo, ás doce, en Santiago na multitudinaria mobilización convocada pola Plataforma Sanidade Pública coa que agardan poñer fin ás actuais políticas de recortes do Partido Popular na Xunta que o que busca é o deterioro da sanidade pública en beneficio da sanidade privada.