RIBEIRA> Malestar en Ribeira pola decisión de Portos de Galicia de prohibir a instalación das atraccións das festas na zona portuaria da súa competencia, como se viña facendo de xeito habitual. Esta mañá o equipo de goberno mantivo unha xuntanza no Concello cos feirantes que lle trasladaron a súa inquedanza por esta situación.
Apenas uns días dende a toma de posesión do novo equipo de goberno, e xa se atopan de cheo co primeiro dos problemas. A negativa de Portos de Galicia á instalación das atraccións das festas na zona portuaria da súa competencia. O alcalde, xunto co resto de membros do equipo de goberno, mantiveron esta mañá unha xuntanza con representantes dos feirantes que lle trasladaron o seu malestar e tamén a súa preocupación por esta circunstancia.
Despois de varios días intentando poñerse en contacto sen éxito con responsables de Portos, o alcalde logrou este mediodía manter unha conversación telefónica co presidente do ente autonómico, José Antonio Álvarez, que se mostrou favorable a chegar a un entendemento.
Mañá técnicos municipais desprazaranse á sede de Portos para analizar as posibilidades de manter as atraccións e os postos da feira no seu emprazamento habitual, aínda que haxa que realizar algunhas leves variacións. Dáse así por zanxado un tema que preocupaba especialmente no Concello.











