A xunta reitora do Parque Natural de Corrubedo marca a folla de ruta para a súa conservación

RIBEIRA> A directora xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia participou na xunta reitora do Parque Natural de Corrubedo. Nesta xuntanza, na que participaron tódolos axentes implicados na xestión do parque, definiuse a folla de ruta para avanzar na conservación desta xoia natural.

Na reunión celebrada esta mañá no Centro de Interpretación do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán analizáronse as accións desenvolvidas neste parque natural durante o ano 2026.

Coa participación de tódolos axentes implicados tanto das administracións como das comunidades de montes, veciños e técnicos ambientais, consensuouse tamén a folla de ruta a seguir para avanzar na conservación dun dos espazos naturais máis ricos e diversos de toda Galicia.

Precisamente, o parque natural de Corrubedo é un dos máis visitados dos seis que integran a rede autonómica pola súa biodiversidade. Neste sentido, a intención da Xunta é seguir a promover accións divulgativas que contribúan a sensibilizar ós visitantes sobre a necesidade de coidar e respectar este espazo único.