RIBEIRA> Luís Pérez Barral repetirá como candidato do BNG á alcaldía de Ribeira. Esta mañá presentaba oficialmente a súa candidatura nun acto no que estivo arroupado por numerosos militantes e simpatizantes. Asistiron tamén a deputada no Parlamento, Rosana Pérez, e a voceira nacional do partido, Ana Pontón, quen amosou a súa total confianza en que o BNG recuperará a alcaldía de Ribeira o próximo 23 de maio.
Numerosos militantes do BNG así como amigos, familiares e membros do seu equipo acompañaron a Luís Pérez Barral no anuncio da súa candidatura á alcaldía de Ribeira. O ex rexedor volverá encabezar a lista coa que tentarán recuperar o goberno en maio de 2027 para dar continuidade ó proxecto iniciado en 2023, interrompido hai un ano pola moción de censura que outorgou o bastón de mando ós populares.
Pérez Barral debullou algunhas das liñas do seu programa que se centrará nas persoas apostando pola mellora dos servizos básicos, as garantías sociais e a recuperación dunha Ribeira verde e accesible cun goberno baseado na honestidade.
Pola súa banda, a voceira nacional do BNG, augurou un amplo respaldo cidadán para a candidatura nacionalista que lles permitirá continuar o camiño de avance iniciado en 2023. Como aval, Pontón aludiu ó dinamismo económico, social e cultural experimentado por Ribeira nos máis de dous anos de goberno nacionalista que volverá recuperar a partir do 23 de maio de 2027.











