O concello de Ribeira renovará a rede de abastecemento da Carroucha

RIBEIRA> O concello de Ribeira acometerá a renovación da rede de subministro de auga potable na contorna da Carroucha. Este foi o compromiso adquirido pola alcaldesa nunha recente xuntanza cos veciños deste histórico barrio.

Acompañada do concelleiro de Relacións Institucionais, Ramón Doval, a alcaldesa de Ribeira mantivo unha xuntanza veciñal cos residentes na contorna das rúas Carroucha e da Carqueixa. Os veciños trasladáronlle algunhas das principais necesidades desta zona en materia de servizos básicos. Entre as principais, a  renovación da rede de abastecemento de auga que presenta constantes roturas posto que conta aínda con tubaxes de fibrocemento.

Tras comprometerse cos veciños á renovación integral da rede, a alcaldesa traballa xa na busca de vías de financiamento para a actuación que podería acometerse por fases.

Outras das necesidades plantexadas polos veciños foron o cambio de emprazamento dalgúns contedores ou os requirimentos para a limpeza de fincas privadas nas que prolifera a maleza.