Arousa Norte e a asociación Alberto Romero organizan o II Festival Audiovisual

BOIRO> A Mancomunidade de Municipios Arousa Norte celebrou un pleno esta mañá para avanzar a programación que se desenvolverá nos últimos meses do ano. O máis destacado é o convenio asinado coa asociación Alberto Romero para a organización do segundo certame de curtas.

En virtude do convenio asinado entre a mancomunidade e a asociación, Arousa Norte volverá convocar o certame de curtas Alberto Romero. Nesta segunda edición, poderán participar escolares dende quinto de primaria ata o Bacharelato. Hai unha categoría especial para persoas con diversidade funcional e unha modalidade libre para traballos de carácter máis profesional. Cada categoría está dotada cun premio de trescentos euros que serán entregados nunha gala que incluirá actuacións musicais e artísticas. A Mancomunidade colaborará cunha achega de mil douscentos euros.

No pleno da entidade procedeuse tamén á valoración das últimas accións como a posta en marcha do programa Residentes 2018 para Artistas Plásticos ou a participación no Salón Náutico da Rochelle. A este respecto, a xerente de Arousa Norte anunciou que a mancomunidade tamén estará presnete da Feira de Turismo interior de Valladolid que se celebra entre o 22 e o 25 de novembro así como no salón náutico de París entre o 2 e o 10 de decembro.