A POBRA> O concello da Pobra desenvolverá un amplo dispositivo de seguridade este domingo, día do Nazareno. Celebraranse tres misas solemnes na praza Segundo Durán cunha capacidade máxima de cincocentos asistentes.
Malia que o coronavirus levou por diante a procesión das mortallas, unha das máis antigas de Galicia, A Pobra renderá homenaxe ó Nazareno a través das misas. Haberá tres solemnes o domingo: ás dez, onde e media e unha e cuarto. Celebraranse na Praza Segundo Durán onde se instalará unha carpa e cincocentas cadeiras á que poderán asistir só aqueles que fixeran reserva previa.
Durante a celebración das misas cortarase o tráfico na rúa Día de Rábago. Protección Civil instalará ademais un hospital de campaña para garantir a total seguridade dos asistentes.
Completarán o programa litúrxico as misas que se celebrarán na igrexa ás oito e nove da mañá e ás cinco, seis, sete e oito da tarde.
O programa festivo completarase ademais con diversas actuacións musicais. A primeira a cargo de Broken Peach o venres pola noite no Cantón da Leña. O sábado a mediodía Millo Miudo animará os xardíns Valle-Inclán mentres que a partir das oito e media da tarde haberá unha ruada con Arrancadeira, os Caraveiros e Trécola. O grupo ‘Puzzle’ actuará no Cantón da Leña ás nove e media.
Comments are closed.