Durán supervisa as obras de ampliación do varadoiro de Aguiño

    RIBEIRA> O presidente de Portos de Galicia desprazouse ata Aguiño para supervisar as obras que se están a acometer no recinto portuario. O ente autonómico inviste preto de douscentos corenta mil euros na ampliación da rampla de varada, a mellora dos pantaláns de descarga e o dragado da dársena. Acompañado polo patrón maior de Aguiño e representantes do concello de Ribeira, o presidente de Portos de Galicia supervisou os traballos que se están a acometer neste porto para a mellora das condicións de traballo dos profesionais do mar. Na actualidade, estase a acometer a mellora dos descalces nas dúas ramplas de descarga; unha actuación que presenta unha serie de complexidades técnicas. O proxecto contempla ademais a ampliación da zona de varada nuns doce metros e a dragaxe dunha superficie de sete mil metros cadrados para mellorar o calado da dársena. Dende a confraría quixeron agradecer este investimento próximo ós douscentos corenta mil euros que dá cumprimento a unha vella demanda dos traballadores que verán notablemente melloradas as condicións de traballo. O patrón maior aproveitou ademais a presenza do titular de Portos para solicitarlle outras pequenas obras de mantemento que, segundo afirmou Durán, xa están en estudo.