A Plataforma pola Sanidade Pública reclama o apoio dos concellos do Barbanza ante a Consellería

RIBEIRA> Coincidindo co último xoves de cada mes, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza volveu concentrarse ás portas do centro de saúde de Ribeira. Trala protesta, rexistraron unha moción no concello solicitando o apoio de toda a corporación para garantir unha asistencia de calidade tanto en atención primaria como especializada.

A plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza segue a demandar na rúa a cobertura de tódalas prazas médicas no centro de saúde de Ribeira. Na actualidade, ás dúas vacantes sen profesional asignado súmase unha incapacidade temporal sen cubrir.

A esta situación engádese agora a saturación do servizo de pediatría derivada da falla de profesionais noutros centros de saúde da comarca.

Ante esta situación e ó aumento das listas de agarda, a plataforma vén de rexistrar unha moción no concello de Ribeira solicitando o apoio de toda a corporación ante a Consellería de Sanidade para que as súas demandas sexan atendidas.