A POBRA> Nas comarcas do Barbanza e Muros e Noia vivíronse celebráronse concentracións ás portas dos concellos. Veciños e autoridades sumábanse así á convocatoria da Federación Española de Municipios e Provincias. Na Pobra gardouse un emotivo minuto de silencio en sinal de respecto polas vítimas mortais do accidente ferroviario e como mostra de solidariedade coas súas familias. Durante o acto tamén se quixo poñer en valor o encomiable labor dos equipos de emerxencia e sanitarios no rescate e na atención ós feridos na zona do sinistro.
Ademais dos actos de homenaxe, a maior parte dos concellos cancelaron as actividades institucionais e festivas previstas. Na Pobra decidiron manter o xantar de confraternidade polas dificultades loxísticas que implicaría a súa suspensión pero cancelaron o baile e a recepción en sinal de respecto.
A axenda cultural do fin de semana si que quedou suspendida polo que non se celebrará a ofrenda cívica enmarcada nas xornadas Valle-Inclán que estaba prevista para mañá nin a obra de teatro do sábado. Tamén se suspende o Xardín do terror que queda aprazado para o vindeiro venres.
En Noia tamén cancelaron tódalas actividades culturais e festivas previstas agás o servizo de ludoteca mentres que en Ribeira se suspendeu a programación nocturna do samaín e aprázanse o resto de actividade para os días 1 e 2 de novembro. Mantéñense as sesións culturais do auditorio nas que se gardará un minuto de silencio previo a cada función.











