RIBEIRA> O BNG de Ribeira propón destinar os preto de cincocentos mil euros do Plan Único adicional a dotar de servizos básicos ás parroquias. Entre os proxectos principais destaca a mellora da accesibilidade ó cemiterio de Olveira coa renovación das beirarrúas ou o saneamento a Cudieiros, en Palmeira.
Os nacionalistas presentaron a súa proposta para o Plan Único adicional da Deputación polo que Ribeira percibirá preto de medio millón de euros. O BNG plantexa diversas obras para dotar de servizos básicos ás parroquias e ó centro urbano, priorizando as necesidades veciñais fronte o gasto corrente.
Entre os proxectos presentados polo BNG, baseados nas demandas recollidas dos propios veciños, destaca a renovación de beirarrúas de acceso á casa da cultura e o cemiterio de Olveira e a pavimentación de varias rúas e camiños en Artes, Aguiño e Carreira ou a dotación de saneamento en Cudieiros na parroquia de Palmeira.
Propoñen tamén melloras en Castiñeiras co arranxo da estrada que vai da Aldea a Poi e en Corrubedo a reforma da rúa número 6 así como a reforma da rúa da Barreira en pleno casco urbano de Ribeira.











