Rosa Quintana reivindica o peso específico de Galicia como potencia pesqueira

    POBRA> A Conselleira do Mar participou nun acto sectorial con representantes dos profesionais do mar e empresarios da industria transformadora na Pobra. Rosa Quintana destacou que Galicia segue a ser a primeira rexión europea en materia pesqueira polo que se incrementarán os investimentos e as posibilidades de pesca da nosa flota. No transcurso dun encontro sectorial mantido na Pobra con mariñeiros, representantes das confrarías e empresarios das empresas conserveiras, Rosa Quintana destacou o importante papel de Galicia como principal potencia pesqueira europea. Por esta razón, a Unión Europea outorgaralle máis de trescentos setenta millóns de euros, a metade da cota asignada a toda España. Neste sentido, Rosa Quintana insiste na necesidade de facer valer ante a administración europea o peso específico da nosa flota para incrementar as súas posibilidades de pesca, tal e como se veu facendo nos últimos anos. Outras das medidas levadas a cabo pola Consellería ó longo dos últimos anos téñense plasmado na reforma da política pesqueira común como o recoñecemento da pesca de baixura como unha actividade específica ou a aplicación paulatina dos descartes. A pesar da valoración positiva, Rosa Quintana é consciente de que quedan aínda moitas cuestións a mellorar como o furtivismo, un dos principais cabalos de batalla de sector e administración. Insiste a Conselleira en que é preciso o compromiso de toda a sociedade, especialmente dos potenciais compradores, para acabar con esta práctica. Por último, a titular de Mar apelou á unidade do sector para seguir avanzando e conseguindo melloras para os profesionais que integran a base da economía galega. {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/30/actosectorialpesca3003151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/30/actosectorialpesca300315.mp4{/flowplayer}