‘Nesta guerra houbo algunhas feridas, pero ningunha baixa’

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/09/fin_conflito_lantero.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/02febreiro/09/fin_conflito_lantero.mp4{/flowplayer} 

 

VILAGARCÍA> Acordo despois de 118 días en folga. 18 baixas incentivadas e prexubilacións, un ERE temporal durante case dous anos e unha redución dun 10% dos salarios. Os traballadores e a empresa Lantero conseguiron achegar posturas este sábado e pór fin ao parón máis longo da historia de Galicia.

A golpe de machete, os traballadores de Lantero desmantelaban o campamento da dignidade, símbolo da folga que, con 118 días, converteuse no parón máis longo da historia en Galicia.

O acordo contempla 18 baixas incentivadas e prexubilacións e un ERE temporal de 21 meses que afectará a todos os traballadores, cun máximo de 180 días no paro cobrando o 100% do salario. Tamén se aplicará unha redución do 10% da masa media salarial, que non afectará ás nóminas de menos de 20 mil euros brutos anuais.

No que non cederon foi no seu lema “Ou todos ou ningún”, e todos volverán aos seus postos de traballo, incluso os xa despedidos pola cartoneira.

Agora, o seu maior desexo é volver á normalidade, e o primeiro paso será a volta ao traballo. As primeiras reincorporacións non se producirán ata este mércores.

A finais desta semana calcúlase que xa estará traballando o groso da plantilla, que volverá aos seus postos despois de case catro meses de loita polos seus dereitos.