Mari Carmen Iglesias: “Seguimos pensando que Julio Araújo sabe moito máis do que di”

PONTEVEDRA> A irmá de Sonia Iglesias cre que Julio Araújo sabe moito máis do que di sobre a súa desaparición. Mari Carmen Iglesias asegura estar esperanzada coa reapertura do caso, logo de tres anos arquivado de xeito provisional. Nunha entrevista concedida a Canal Rías Baixas, que poderán ver íntegra esta noite no programa Contrastes, a irmá de Sonia recoñece que a reaperutura do caso foi unha auténtica sorpresa para a súa familia.

A reapertura do caso pola desaparición de Sonia Iglesias colleu por sorpresa ós seus familiares. A nivel oficial, Mari Carmen Iglesias asegura non ter recibido ningunha información nova, porque o caso segue baixo segredo.  Segundo explica, ela e os seus familiares coñeceron o xiro do caso a través dos medios de comunicación. A partir dese momento, a súa avogada confirmou coa Policía Nacional a nova situación.

Ante os micrófonos de Canal Rías Baixas, Mari Carmen asegura estar esperanzada coa reapertura da causa. Agarda que a actuación policial iniciada onte permita coñecer por fin a verdade.

Mari Carmen Iglesias recoñece que lle gustaría ter visto onte a Julio Araújo saír esposado dos rexistros levados a cabo na vivenda San Amaro, na que durante un tempo conviviron el e Sonia. A irmán da desaparecida apunta que é a xustiza a que ten que determinar se el é o verdadeiro culpable da morte de Sonia. Con todo, Mari Carmen asegura que Araújo sabe moito máis do que conta.

Mari Carmen Iglesias agarda que o devir do caso permita coñecer nos vindeiros días novos indicios sobre o paradoiro da súa irmán. Unha vez máis, volveu agradece-lo apoio de toda a sociedade pontevedresa durante estes sete anos e medio un apoio –dixo- sen o que sería moi difícil continuar loitando para coñece-la verdade sobre a desaparición de Sonia.