Rías Baixas sitúase como a sétima D.O. en vendas no mercado nacional

PONTEVEDRA> Os viños de Rías Baixas fanse fortes no mercado nacional. Así o recolle o último informe elaborado por The Nielsen Company. Segundo o documento, as denominacións de orixe españolas están a estancarse en volume, pero non en valor.

O informe sitúa á DO Rías Baixas na sétima posición dentro do ranking de Denominacións de Orixe no mercado nacional. Onde máis despuntan é en hostalería, ocupando o quinto lugar e rexistrando un 3,5% de cota de mercado.

Pero as boas novas para Rías Baixas van máis aló. Ocupa o segundo posto no ranking de vendas de viño branco con DO, unha listaxe que continúa baixo o liderado dos de Rueda. Neste caso, a cota de mercado acada os dez puntos e medio.

En canto á revalorización dos prezos, Rías Baixas amosa un incremento moderado tanto en alimentación como hostalería. Unha tendencia que lle permite continuar cun diferencial de prezos importante respecto o resto de Denominacións con peso no mercado dos brancos. No que se refire ás áreas xeográficas, os viños de Rías Baixas manteñen signos positivos en case todas, crecendo nas que teñen menos presenza.

Nas súas conclusións, o informe Nielsen aconsella aumentar e reforzar a presenza dos viños de Rías Baixas nas zonas onde está menos implantado o seu consumo, como as áreas Sur e Noreste. Con este obxectivo, o Consello Regulador debe continuar desenvolvendo a súa imaxe e marca, así como manter a expansión do seu coñecemento e notoriedade. Máis aínda, tendo en conta o interese do consumidor por probar novos viños.