Luis López presidirá a Deputación con Rafa Domínguez e Marta Fernández-Tapias como vicepresidentes

PONTEVEDRA> Esta mañá o Partido Popular confirmou o que xa era un segredo a voces. O seu presidente provincial de Pontevedra, Luis López, será tamén o novo presidente da Deputación. Para facer o anuncio López compareceu acompañado de Rafa Domínguez e Marta Fernández-Tapias. Ambos son vicepresidentes do PP provincial e asumirán este mesmo cargo no novo goberno da Deputación. Segundo Luis López, Domínguez e Fernández-Tapias centrarán a súa actuación nas súas cidades.

Así confirmaba este mediodía Luis López o que xa era un segredo a voces. Quen fora alcalde de Rodeiro e delegado da Xunta en Pontevedra, e presidente do PP provincial, asumirá o liderado da Deputación.

López asegurou que a decisión foi tomada no partido con unidade e facilidade, aínda que nas últimas semanas as informacións apuntaban a tensións internas no PP. El sería o candidato de consenso, de aí que fora necesaria a dimisión de 16 persoas na lista popular de Rodeiro para que López accedera a unha acta de concelleiro. Ocupaba o posto 21, o último suplente.

Xunto a López, compareceron os que serán os seus vicepresidentes na Deputación. O voceiro do PP en Pontevedra, Rafa Domínguez, e a súa homóloga en Vigo, Marta Fernández- Tapias. Precisamente, Fernández-Tapias sonara con forza como posible presidenta.

As dúas vicepresidencias estarán centradas en Vigo e na capital de provincia, Pontevedra, pero Luis López asegurou que os 61 concellos pontevedreses terán a mesma importancia nesta nova etapa do PP na Deputación.