Boiro Novo critica que o municipio quede fóra outra vez das achegas do Estado

BOIRO> A formación fixo unha valoración negativa dos Orzamentos que o Goberno Central prepara para este ano. Para Boiro Novo este é un exemplo máis da nefasta xestión do alcalde, Xoán Xosé Dieste, que non é quen de conseguir, a pesar de ter un goberno amigo en Madrid, nin un só euro para o municipio. Dende Boiro Novo van máis alá ó sinalar que o rexedor tampouco fai nada para conseguir que o Estado cumpra cos seus compromisos, en clara alusión á partida de 500 mil euros asignada en 2011 para a rehabilitación do pazo de Goiáns. Pero non é o único exemplo, dende a formación apuntan a que competencias que lle corresponden ó Estado, como son as recuperacións medioambientais do borde litoral do municipio, estanse a realizar con fondos do propio Concello, cando deberán ser asumidas polo Goberno Central. Ante esta situación Boiro Novo anunciou que presentará diversas emendas a través do grupo parlamentario de En Marea para tratar de reverter esta situación.